Voo 1008 de Dan-Air
Voo 1008 de Dan-Air | |
---|---|
O 727 do accidente.
| |
Resumo | |
Data | 25 de abril de 1980 |
Causa | voo controlado contra o terreo |
Lugar | Tenerife |
Coordenadas | |
Finados | 146 (todos) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 727-46 |
Operador | Dan-Air Services Limited |
Rexistro | G-BDAN |
Pasaxeiros | 138 |
Tripulación | 8 |
Superviventes | 0 |
O voo 1008 de Dan-Air foi un accidente de aviación dun Boeing 727-46 operado pola aeroliña Dan-Air Services Limited. O día 25 de abril de 1980 o avión, con rexistro G-BDAN, realizaba un servizo internacional non regular entre Manchester e Tenerife e estrelouse nun bosque da montaña tinerfeña La Esperanza, a 20 km do aeroporto de Los Rodeos, mentres a tripulación executaba erroneamente un patrón de espera nunha zona con terreo elevado. O avión quedou esnaquizado morrendo as 146 persoas a bordo (138 pasaxeiros e 8 tripulantes).[1] O voo 1008 foi o segundo accidente grave de Dan-Air en 10 anos.
Avión
[editar | editar a fonte]O avión, operado por Dan Air Services Ltd, era un Boeing 727-46 (con número de serie do fabricante 19279 e rexistro G-BDAN) que realizara o seu primeiro voo en 1966.[1] Dan-Air fixérase co aparello en agosto de 1974.[2] No momento do accidente a fuselaxe levaba acumuladas 30 622 horas de voo.[1]
Accidente
[editar | editar a fonte]O voo 1008 era un servizo chárter dende o aeroporto de Manchester ata o aeroporto de Tenerife Norte. O avión estaba a 26 quilómetros da baliza VOR/DME 'TFN' cando foi autorizado a dirixirse á baliza 'FP' para unha aproximación á pista 12 despois de chegar a 'TFN'. Inicialmente atopábase a nivel de voo FL 110 e foi autorizado a baixar ata FL 60. A tripulación informou pasar 'TFN' e solicitouselle unirse a un patrón de espera non stándar sobre a baliza 'FP'. Este patrón de espera non era un procedemento publicado e a tripulación non tiña unha carta del, pero aceptaron as instrucións. De feito, o avión non pasou sobre 'FP' pero voou cara ao sur da baliza e informou que estaban "entrando na espera". Un minuto despois o voo foi autorizado a descender a 5 000 pés (1 500 m).
Aínda que o piloto ao mando dixera que entrara na espera segundo as instrucións dos controladores de tráfico aéreo, realmente virou o avión á esquerda cara ao sueste en dirección a unha zona de terreo alto onde a altura mínima de seguridade era de 14 500 pés (4 400 m). Cando o avión descendía ata os 5 000 pés o Sistema de Advertencia de Proximidade ao Terreo (GPWS) activouse e a tripulación reaccionou rapidamente comezando a subir. Cos motores a plena potencia o avión iniciou un abripto xiro á dereito e golpeou o monte La Esperanza ás 13:21:15 hora local. O avión estaba voando entre nubes cando chocou contra a montaña.[3] O impacto esnaquizou completamente o aparello matando a todos os seus ocupantes e deixando un sendeiro de restos de 350 metros de longo.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Aviation Safety Network (ed.). "Descrición do accidente". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2012. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ "Historical Ledger for G-BDAN" (PDF). Consultado o 19 de maio de 2018.
- ↑ 3,0 3,1 "Informe do accidente" (PDF). CIAIAC. Consultado o 2019-1-3.